“As miñas referentes son mulleres agudas, con opinión propia, que pensan no colectivo e tamén na polis”
Fuente: La Tercera 3/3/2025

“Funme achegando mediante aproximacións sucesivas á convicción e á conciencia de que as mulleres teñen os mesmos dereitos que os homes”
María de los Ángeles Fernández Ramil é Doutora en Ciencia Política, Presidenta da Fundación Hay Mujeres, consultora, analista política, conferenciante e docente no CESUGA, ao tempo que participante no Grupo de Conversa en Galego que se desenvolve todos os mércores na Biblioteca Ágora.
Con ela falamos para este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, na nosa sección Conversas con… da vida persoal, da importancia de promover e dar voz ás mulleres no discurso público, da necesidade de amplificar os liderados femininos e de algunhas referentes das que botar man.

“Neste 8 de marzo penso nas mulleres de Afganistán, Iraq, Irán e, en xeral, en todas aquelas que viven baixo o dominio dunha relixión na que as mulleres só existen para anular e esmagar. Gustaríame ver como as mulleres diriximos a nosa atención para proporcionar axuda e asistencia efectiva a aquelas mulleres que sofren esta versión máis rigorosa da relixión“
MOMENTO DUN DOS ENCONTROS NO GRUPO DE CONVERSA

HISTORIA DE VIDA I
Un primeiro momento está relacionado coa miña condición de vida, atada á emigración. Son filla de emigrantes que foron dende Ortigueira a Venezuela. Non só sei o que é ter pais que deixaron a súa terra na procura dun futuro mellor senón, no caso da miña nai, lembro o seu especial sufrimento ao separarse da súa familia e dedicarse a un traballo moi duro e esforzado. Pensei que tiña que seguir outro camiño e que a chave para iso era a educación. Recoñecín esa idea de traballar sobre ti mesma para ser diferente dos teus pais en Anne Ernaux, cando lin o seu libro “Os armarios baleiros“.

“Aferreime á posibilidade de estudar na universidade en Venezuela, e tamén de facelo gratis, xa que era a chave de calquera reivindicación de autonomía e emancipación. Dende este punto de vista, miña nai, sen pretendelo, foi, de feito, como un antimodelo.“
HISTORIA DE VIDA II
Un segundo momento veu cando, vivindo en Chile, a onde cheguei desde Venezuela en 1985, despois de rematar a universidade e cunha bolsa para traballadores dos dereitos humanos, pensei crear unha gardería no lugar onde traballaba. Tivera a miña primeira filla no 1987 e non quería separarme tan cedo do meu segundo fillo en 1990, polo que conseguín unha axuda da Embaixada de Noruega para montar unha gardería que atendía ás crianzas do persoal da organización e tamén ás mulleres que asistían aos cursos de formación, moitas delas traballadoras da froita de tempada.

A idea de xerar espazos de coidado e crianza que favorecesen a participación da muller no ámbito público, xa sexa laboral ou de lecer, leveino comigo a outra futura ocupación que tiven en Chile como Xerente da Cámara Chilena do Libro. Deste xeito, creamos un espazo para que os nenos e nenas que acudiran coas súas nais puidesen ser atendidos mentres elas tiñan un momento de lecer na Feira Internacional do Libro de Santiago, o maior evento do libro e da lectura que se realiza unha vez ao ano nesa cidade do sur de América Latina.
HISTORIA DE VIDA III

O terceiro momento chegou no ano 2000 cando fun elixida presidenta da Asociación Chilena de Ciencia Política. Fun a primeira muller en ocupar ese cargo e, aínda que ben sabía que a disciplina da Ciencia Política estaba moi masculinizada (como o estaba a propia actividade política), padecín unhas decepcións que, daquela, entendín que tiñan algo que ver coa miña condición de muller. Tal foi a repercusión que, estando naquel momento facendo o doutoramento en Política na Universidade de Santiago de Compostela (USC), decidín dedicar a miña tese a un tema no que poder traballar a relación entre xénero e vida política. Deste xeito, centreime no proceso de selección de candidatos e candidatas ao Congreso en Chile en 2006, ano no que Michelle Bachelet foi elixida presidenta do país por primeira vez. Non imaxinaba eu, mentres escribía miña tese, que acabaría traballando como asesora do seu segundo goberno, entre 2014 e 2018, na chamada Secretaría Xeral da Presidencia e onde fun tamén o primeira responsable da súa Unidade de Xénero.
HISTORIA DE VIDA IV

“Decidín crear unha plataforma cun buscador na que situar os antecedentes de mulleres que puidesen ser consultadas como expertas en diferentes áreas de coñecemento. O proxecto “Referentes Galegas”, impulsado por Executivas de Galicia moitos anos despois, tenta emular un pouco esa idea.”
As miñas referentes son mulleres agudas, con opinión propia, que pensan no colectivo e tamén na “polis”, que teñen o mundo nas súas cabezas e, por iso, son un anaco transgresoras

Interésanme especialmente, e tomo como referentes e guías, a mulleres que “pensan o mundo”. Falo de mulleres como a teórica política Hanna Arendt, escritoras como Joan Didion e Susan Sontag e, ultimamente, a socióloga franco-israelí Eva Illouz ou a británica Mary Beard. De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Mary Beard, Eva Illouz, Susan Sontag, Rachel Cusk, Joan Didion e Hanna Arendt.
QUE É PARA TI UNHA BIBLIOTECA?
Unha biblioteca (e tamén unha libraría) son os primeiros lugares que busco cando visito calquera lugar. Máis que dicir o que é para min unha biblioteca, direi o que produce en min. Son dous sentimentos. Un, de recollemento, semellante ao que lle pasa a unha crente que entra nunha igrexa. Outro, de entusiasmo e enerxía, xa que nela podes atopar todos os rexistros posibles da natureza humana.
ÁNGELES RECOMENDA

UN FILME: “1492” de Ridley Scott, gústanme os comezos das cousas.
UN LIBRO: “Un trabajo para toda la vida: Sobre la experiencia de ser madre“, de Rachel Cusk, editado por Libros del Asteroide.
UNHA CANCIÓN: “Aint- got no/I got life”, de Nina Simone.
UN LUGAR: Alba de Tormes, o lugar ten unha enerxía especial. Alí descansan os restos da que penso é unha das santas más inspiradoras e que, ademais, era feminista: Teresa de Ávila.
UNHA INQUEDANZA: Preocúpame a situación de especial vulnerabilidade que viven as persoas maiores da nosa comunidade ante a falta de respostas oportunas, humanas e robustas en materia de dependencia e discapacidade.
UN PECADO: Fáltame ser más paciente, e a paciencia é a outra cara da ira.
UNHA COMIDA: O salmón, de todos os xeitos.
UN DESEXO: Ter os meus fillos (que viven en Chile), máis perto de min, comigo, aquí en Galicia.
Residín 32 anos en Chile, que foi o meu país adoptivo. Decidín volver a Galicia, onde vivín entre os 6 e os 17 anos, porque os meus pais eran maiores e pensaba que era un deber moral estar preto deles para axudalos na súa vellez. O meu compromiso coa igualdade de xénero e os dereitos das mulleres segue en pé malia que vivimos un momento de confusión, pero eu teño claridade nunha cousa: é imprescindible que as mulleres teñan voz pública se queren ser recoñecidas como líderes do pensamento, ter eficacia política coas súas ideas e contribuír á calidade dunha democracia que precisa de todas as voces da sociedade.
Pois con esa reflexión pechamos a nosa conversa para este 8 de marzo, desexando que o compromiso coa igualdade e o galego continue vivo cada mércores nos encontros da Biblioteca Ágora e, por suposto, na vida.
Grazas Ángeles e até sempre!
Fuente: Suma Ágora 7/3/2025